A comunidade galega de tradución de software libre reúnese este sábado da man de Trasno
xoves, 26 de maio do 2011

- Membros de Trasno nunha reportaxe recente do programa Ben Falado!
O colectivo Trasno, centrado na promoción do software
libre na nosa terra, facendo fincapé na súa achega en galego, organiza este sábado
28 de maio a
súa seguinte xuntanza trasneira,
un encontro que servirá para establecer as liñas a seguir pola dita plataforma
de usuarios e deseñadores de programación aberta e, tamén, para fomentar a
colaboración acerca dun asunto que nos implica a todas e todos: a adaptación á
nosa lingua de novos programas informáticos libres. Tendo en conta isto, e
tendo en conta a importancia do traballo colectivo en calquera asunto ligado ao
código aberto, Trasno xa está a mobilizar ao devandito evento a toda a
comunidade galega de tradutoras/es.
A cita será en Ourense, na Casa da Xuventude, e, tal e como avanzamos
hai uns días nesta mesma web, dará comezo cunha asemblea xeral ordinaria para
logo dar renda solta a un fondo e participativo debate sobre tradución ao
galego de software libre. A Trasnada 11.0, de feito, será máis que nunca un
obradoiro colectivo de traballo entre usuarios e deseñadores de software libre
e localizadores á nosa lingua.
De feito, informa o colectivo Trasno, están
convidadas/os a participar neste debate sobre presentes e vindeiros consensos
de localización ao galego tódalas e tódolos tradutoras/es de programación
aberta que desexen pór o seu gran de area no traballo conxunto. Esta rolda de
intercambio de datos, libre para o público en xeral, dará comezo sobre as 12.00
e proseguirá ao longo do resto da xornada.
De xeito complementario á rolda de debate,
engade Trasno, celebraranse actividades de promoción e formación en
localización á nosa lingua de programas abertos. A primeira hora da tarde, ás
17:00, terá lugar un relatorio na que se conmemorarán os 11 anos de Proxecto
Trasno, repasarase a súa historia e exporanse os logros en tradución feitos
este último ano. Ás 18:00 terá lugar un curso rápido de formación en tradución
de software libre, que permitirá aos asistentes adquirir nocións de abondo como
para comezar a participar no proxecto. O evento clausurarase ás 19:30.
Con independencia da axenda da xornada,
informa Trasno, “calquera pode achegarse
en calquera intre ao evento e coñecernos de primeira man”.
A Trasnada forma parte das actividades que
Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de
Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación
Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
Nos vindeiros días irase fornecendo aos internautas galegos de máis información
sobre a xornada, deixándose a porta aberta para a inclusión dalgunha que outra
sorpresa no programa de actividades.
