A comunidade galega do software libre xúntase en Melide para participar en Abeancos.gal

martes, 4 de xullo do 2017 Redacción

Esta fin de semana vaise celebrar en Melide a primeira edición da Xornada Abeancos.gal, dirixida a mostrar a evolución e os instrumentos do proxecto libre do mesmo nome. Este, como lembraremos, é un catálogo dixital aberto e participativo de elementos patrimoniais presentes na área da Comarca Terra de Melide. “Todos eles”, explican as entidades responsables de Abeancos.gal, “documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres”.
Volvendo á xornada deste sábado, sinalar que vai acubillar diferentes actividades técnicas e divulgativas sobre o miolo da construción deste proxecto colectivo: que recursos emprega, que metodoloxías se usan para colaborar, que potencial amosa para ser extrapolable a outras iniciativas análogas. O domingo a xuntanza compleméntase cunha visita guiada aos elementos que xa foron catalogados e que se atopan no concello de Toques.
Na xornada está previsto que participen integrantes de grupos galegos de software libre, como XeoInquedos, Galpon e Xeopesca. E, por suposto, tamén concorrerán os integrantes de MeLiSA, o colectivo local responsable do catálogo dixital xunto co Museo da Terra de Melide e grupo de voluntarios do proxecto Abeancos.gal. Grazas ao seu importante traballo, despregado dende hai algo máis dun ano, xa podemos consultar os datos de preto de 100 elementos.
Segundo nos contan dende Mancomun.gal, o proxecto Abeancos.gal nace no ano 2016 a partir dunha réplica do proxecto Aculturadaauga.org, creado pola Comunidade O Zulo de Mugardos.

Programa das xornadas

Lugar: Telecentro Clun (Coop. Melisanto). A Codeseira.
Sábado, 8 xullo
- Grupo de traballo OpenStreetMap
- Grupo de traballo para documentación
- Grupo de traballo Drupal
Domingo, 9 xullo - Excursión a Toques (San Antolín e A Moruxosa). Visita guiada por Cris e Xurxo (Museo Terra de Melide)

Esta xornada forma parte das actividades que MeLiSA realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.