A crise non frea a venda de ordenadores en España

martes, 29 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O mercado español de venda de ordenadores persoais continúa con boa saúde pese á crise (que afectou considerablemente á venda de electrodomésticos, televisores e mesmo móbiles), e entre os meses de abril e xuño deste ano as vendas medraron un 22,7% (con respecto do mesmo período de 2007) chegando a preto de 1,26 millóns de unidades, dos que 837.400 corresponderon a portátiles, mentres que as vendas de equipos de sobremesa vai en descenso.
O incremento das vendas correspondeu ao mercado de consumo, mentres que nas empresas o crecemento foi máis moderado, pero se ben hai un aumento nas vendas, cómpre destacar que os consumidores cada vez adquiren equipos máis económicos.
No tocante ás marcas, HP continúa a ser o líder en vendas (con 335.812 equipos vendidos), seguido moi preto por Acer (con 333.132 ordenadores), quedando así entre as dúas con máis da metade do mercado español.
Na terceira posición mantense tamén Dell, que veu cómo reducía a súa penetración no mercado, pasando do 9,1% ao 8,7% (pese a que incrementou as súas vendas en números absolutos). Tamén están entre as empresas que máis equipos colocan no mercado Asus, Toshiba, Fujitsu Siemens, Data Logic e Apple, sorprendendo que Lenovo (empresa que se encarga da fabricación dos PC de IBM) quedase fóra desta elite.

PUBLICIDADE