A escola galega Hack A Boss e Student Finance adicarán 100.000 euros a financiar formación TIC
mércores, 27 de xaneiro do 2021
A
escola informática
galega Hack A Boss e a empresa fintech de apoio formativo
Student Finance veñen de xuntar forzas para financiar a
educación tecnolóxica de todas aquelas persoas que estean
interesadas en “desenvolverse profesionalmente no sector das novas
tecnoloxías”. A iniciativa, que en última instancia pretende
facilitar a transformación TIC das empresas e favorecer o
espallamento das tecnoloxías a todos os niveis económicos e
sociais, materialízase con 100.000 euros para seren destinados ao
dito cometido. Segundo explican dende Hack A Boss, a demanda de roles
de profesionais IT vén sendo moi alta nos últimos tempos, e coa
chegada da crise sanitaria non fixo máis que dispararse.
“A
día de hoxe”, sinalan dende a escola galega, “o 40% das empresas
tecnolóxicas necesitan cubrir postos de traballo con perfís
dixitais específicos, o que converte este sector no máis demandado
do panorama laboral, cun 90% de empregabilidade”. Hack A Boss
engade que este proceso de medre provoca que perfís profesionais con
coñecementos sobre JavaScript, CSS, React.js ou HTML “estean entre
os máis demandados do sector”. Destas circunstancias xorde a
aposta firme da escola galega pola formación de perfís full
stack, “mediante unha metodoloxía educativa que se basea nos
bootcamps, modalidade de aprendizaxe que permite preparar a
persoas sen unha base previa en programación e convertelas en
profesionais con saída ao mercado laboral en tan só 16 semanas”.
O
acordo nos seus detalles
Co
obxecto de conseguir que este tipo de formación sexa “accesíbel a
todo o mundo”, Hack A Boss chegou a un acordo con Student Finance e
a súa modalidade de pago chamada Acordo de Ingresos Compartidos
(ISA), que ofrece ao alumno a posibilidade de pagar polos seus
estudos unha vez atopen emprego e sempre que o seu salario estea por
encima do limiar de ingresos mínimos. “Agora os candidatos e
candidatas que o desexen contarán con respaldo económico, co fin de
afrontar o custo do bootcamp, grazas a este sistema de financiamento
educativo”, explican os responsábeis da iniciativa.
En
palabras de Mariano Kostelec, director executivo (CEO) e co-fundador
de Student Finance, “para nós é unha honra poder contar con
escolas tan prestixiosas como Hack A Boss como parte da nosa oferta.
O noso obxectivo fundamental é poder dar ao estudante a posibilidade
de formarse da man dos mellores profesionais, sen o que o diñeiro
sexa un problema, garantindo un emprego e salario mínimo ao
finalizar os seus estudos”.