A factura electrónica permite aforrar entre un 60 e un 80%

mércores, 28 de setembro do 2011 Raquel Noya

Segundo un recente informe achegado por EXPP, os usuarios da factura electrónica que empreguen este servizo a cotío poderían estar a aforrar entre un 60 e un 80 por cento nos seus trámites administrativos, unha cifra moi elevada que se deriva, en gran medida, da substitución do papel por dispositivos electrónicos, e de prescindir da paquetería ou servizo de correos empregado para facer chegar a factura física ao cliente.
De feito, os investimentos para substituír o papel polo soporte electrónico recupéranse en apenas seis meses, e o impacto sobre a conta de resultado encóntrase entre o 1 e o 2 por cento dos beneficios.
O informe indica, asemade, que en 2011 emitiranse 3.000 millóns de facturas electrónicas, e que esta cifra seguirase a incrementar a medida que se produce a migración ao soporte electrónico por parte de toda a cidadanía, unha migración que comeza a darse xa en pequenas e medianas empresas de todo o estado.
Xa que logo, a partir de agora, ademais de sinalar o aforro de tempo e a fiabilidade do sistema de facturación electrónico como principais vantaxes, haberá que engadir o aforro considerable de cartos que supón o seu uso, e en breve tamén, o incremento dunha gran variedade de aplicacións coas que cubrir as diferentes necesidades do cliente.

PUBLICIDADE