A firma galega Tegnix ábrelle unha rede social ao seu espazo formativo
xoves, 21 de novembro do 2013
A empresa galega Tegnix
vén de abrir o espazo formativo de seu á comunidade en liña. Máis
en detalle, falamos da posta en marcha da Rede
Social Profesional da Aula
Tegnix, unha iniciativa que xunta formación con comunicación e
interactividade 2.0 e na que xa podemos participar, segundo nos conta
o compañeiro Roberto Brenlla, responsable deste espazo formativo,
unicamente teremos que inscribírmonos e termos presente que a
información que vaiamos compartir cumpra unha serie de
requirimentos. Este coñecemento que xeremos deberá xirar arredor do
software libre, ser sobre todo de carácter profesional e, tamén,
vir supervisado previamente para confirmar que lle acae aos ditos
obxectivos.
Polo demais, non hai
restricións. Nin de idiomas nas publicacións nin de extensión. Con
todo, si que é positivo, coméntanos Brenlla, ter en conta que a
rede está enfocada a toda Iberoamérica, polo que, amais do inglés
(considerado o estándar en informática), serán axeitados o galego (sobre todo pola nosa irmandade con Brasil e Portugal), o castelán e o portugués. Por outra banda, a intención é
tirar partido da rede con fins didácticos, liña de actividade para
que xa existen grupos en función das accións formativas da Aula
Tegnix. En definitiva, que grazas a esta iniciativa, poderemos (entre
outras cousas) enviar ou recomendar artigos, comentalos, subir fotos
ou vídeos, coñecer de primeira man a profesionais con intereses
compartidos, comunicarnos con eles, chatear, etc.
Lembrar que Tegnix,
empresa especializada en formación e servizos informáticos
relacionados co software libre, foi acreditada recentemente polo
Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en
fontes abertas (CENATIC) como
fonte de coñecemento de primeira orde e referente a nivel estatal
arredor do open source. Máis polo miúdo, a
entidade dependente de Red.es (Ministerio de Industria) recoñeceu á
empresa que dirixen Roberto Brenlla e Carlos Rodríguez como Centro
Formativo no Ámbito do Software de Fontes Abertas. Esta
acreditación, informaron no seu día, reforza a crecente oferta
formativa da Aula Tegnix,
altamente especializada en software libre e dirixida sobre todo ao
eido profesional e empresarial.
