A futura federación española de empresas de software libre vai collendo corpo

xoves, 13 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

As empresas de software libre semella que seguen o ronsel dos colectivos de deseñadores, ideólogos e/ou usuarios: o ronsel da colaboración e do apoio. Dito doutro xeito: quen fai ou emprega software libre, non parece que vaia ter moitas posibilidades de estar so. Esta máxima informalmente aceptada de que o código aberto se procura e se reúne a si mesmo (facendo fronte) é a que semellan seguir iniciativas de asociacionismo empresarial galego como a de Agasol (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), recentemente creada e dando xa os seus primeiros pasos importantes.
Pois ben: segundo se conta estes días en Barrapunto.com, o asociacionismo local ten visos de rematar a nivel español nunha federación. De feito, os alicerces xa foron postos na pasada edición da Conferencia de Software Libre de Badaxoz, onde debateron sobre o tema entidades de Canarias, Cataluña e Euskadi.
O obxectivo da iniciativa (á que xa se sumou Agasol), é facer fronte común arredor do software aberto. A previsión é a de pechar máis acordos e especificar obxectivos e estratexias no marco do X Congreso Nacional de Socios de Hispalinux que se celebra hoxe.