A galega Altia desenvolverá a plataforma de contratación electrónica de Red.es

mércores, 9 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Malia os atrancos, impostos por outros e ás veces por ela mesma, a tecnoloxía galega vai cara a adiante asentándose perante os nosos propios ollos ou mesmo perante os ollos dos demais. Como por exemplo os dos responsables de Red.es, que veñen de apostar polo noso fronte a propostas procedentes dos que en teoría son centros de innovación de máis prestixio e experiencia. Segundo se conta estes días en Xornal.com, a galega Altia superou finalmente a oferta presentada por multinacionais como Siemens, Steria, Everis ou Deloitte á hora de impoñerse como gañadora no concurso convocado por Red.es de contratación electrónica. A firma Altia, que conta co prazo dun ano para levar a cabo este cometido, terá entre mans unha tarefa de peso: o deseño, desenvolvemento e posta en marcha da plataforma de contratación electrónica do devandito organismo público-empresarial.
Na imaxe, tarxeta de presentación de Altia nunha das edicións do Tecnimap.
A idea de Red.es, entidade de promoción da Sociedade da Coñecemento, é dar exemplo perante o tecido produtivo e institucional coa dixitalización dos seus procesos. Máis polo miúdo, busca co devandito concurso acadar a infraestrutura precisa para formalizar de xeito electrónico todos os seus procesos de licitación.
Por certo que o contrato, que ascende a 475.600 euros, resulta especialmente salientable de dende todas as frontes: amais dun pulo á innovación de Altia (que cualifica o contrato de “moi salientable” e de excelente referencia para novos traballos) significa un pulo ao afianzamento da factura electrónica, primeiro e fundamental paso para a consecución real dunha economía en liña. Segundo conta a propia empresa, o proceso non foi doado, en boa medida porque concorrendo no mesmo concurso atopábanse 26 empresas de primeira liña tecnolóxica, algunhas delas multinacionais de prestixio. Por certo que a nova plataforma dará acubillo a un amplo abano de xestións: procesos de xestión dos expedientes de contratación, publicación telemática das ofertas, rexistro de licitadores e de ofertas, apertura da documentación administrativa, etc.

PUBLICIDADE