A galega Siongal presenta a figura do comercial en Internet

luns, 21 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Contar cun axente comercial en Internet, tal e como se desprende dunha análise realizada pola compañía tecnolóxica Siongal, “pode saír moi rendible para unha empresa”.
Esta entidade galega, especializada en desenvolver novas solucións de comercio electrónico, implantou o seu modelo Siongal e-Business en diversos sectores, e logo da experiencia resultante, conclúe que a posta en marcha dun axente comercial en Internet “permítelle a unha empresa lograr un aumento de vendas cun custe moi inferior, de até un 40 por cento menos”.
A figura do comercial en Internet, segundo explica Eduardo Montero, director comercial de Siongal, “consiste nun axente comercial especializado na venda a través da Rede, que se encarga de coñecer o modelo de negocio de cada empresa, asesorar a esa empresa e realizar as accións de promoción online que resulten máis eficaces para rendibilizar o seu investimento e incrementar o ritmo de vendas”.
“As accións de promoción que realiza o axente comercial”, engade, “diríxense especificamente ao perfil de clientes que busca a empresa e céntranse naqueles medios en Internet onde se atopen, como buscadores, redes sociais, foros, portais do sector...”
A proposta de Siongal, que entre os seus servizos de apoio e asesoramento inclúe a figura do comercial en Internet, é asemade, “un modelo de crecemento moi flexible, xa que o cliente pode controlar en todo momento o seu investimento e aumentalo a medida que vaia obtendo resultados”, conclúe Montero.
A figura do comercial en Internet que propón Siongal, está a aplicarse xa con éxito en diversos sectores produtivos e en todos eles, segundo afirman, “está a mostrarse especialmente eficaz á hora de romper barreiras xeográficas, xa que se amplía a carteira de clientes e distribuidores en zonas nas que aínda non tiña presenza”.

PUBLICIDADE