A galega Xercode patrocinará a nova edición das xornadas estatais de formación sobre o libro electrónico

luns, 5 de maio do 2014 Redacción

As IV Xornadas-Obradoiro de formación sobre o libro electrónico xa teñen data de comezo, serán os días 5 e 6 de xuño, e contarán co apoio da empresa galega Xercode, centrada en software libre. Cómpre dicir que detrás deste evento atópase a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). E sobre que temas disertarán os trece expertos a este obradoiro? Pois o libro electrónico nas bibliotecas será un dos temas aos que se lle adicará maior número de relatorios co fin de coñecer as tendencias en comercialización e distribución de contidos dixitais así como os distintos sistemas de acceso aos mesmos.
Novas rutas dixitais para a edición, xestión dos metadatos do libro dixital, novidades sobre propiedade intelectual en canto a titularidade, difusión e uso de contidos científicos ou visibilidade e impacto da edición universitaria serán outros contidos a debater.
Estas xornadas -que terán lugar no Instituto de Química-Física Rocasolano do CSIC- van encamiñadas a editores universitarios, institucionais e bibliotecarios e contan como dixemos co patrocinio da empresa tecnolóxica Xercode, con sede no Milladoiro (Ames, A Coruña) especializada en servizos para bibliotecas.
Xercode conta coa plataforma XeBook que permite a bibliotecas e editoriais abranguer o empréstito de libros electrónicos. Mediante a tecnoloxía de XeBook, as bibliotecas poden achegar (de maneira sinxela e centralizada) o novo fluxo dixital, desde a adquisición e xestión das coleccións dixitais ata a incorporación ao catálogo e o acceso aos contidos a través do servizo de empréstito.
Asemade, XeBook é tamén unha canle editorial, achegando a editores e provedores de contidos unha vía que xera o grao de confianza preciso para o establecemento das relacións contractuais que debe rexer o empréstito de contidos dixitais.