A industria desenvolve unha plataforma blockchain para incrementar a seguridade e a calidade na pesca
martes, 29 de marzo do 2022
A
Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), o Centro
Tecnolóxico Fundación CETMAR e o Instituto de Investigacións
Mariñas (IIM-CSIC) veñen de lanzar un novo proxecto destinado
mellorar e automatizar os traballos da cadea de valor dos produtos
pesqueiros. Chámase Pescando
4.0 e é unha iniciativa financiada polo Plan de Recuperación,
Transformación e Resiliencia e os fondos europeos Next Generation
EU.
Consiste
nunha plataforma intelixente que bota man de tecnoloxías de cadea de
bloques (blockchain) e Internet das Cousas (IoT) para garantir
a rastrexabilidade (trazabilidade), a seguridade, a calidade e a
sustentabilidade en todos os procesos relacionados coa actividade
pesqueira.
Para
materializar esta tecnoloxía, durante o vindeiro ano e medio
desenvolverase e implementarase a escala piloto unha plataforma
baseada en tecnoloxías 4.0 e validarase o funcionamento desta
solución en tres pesqueiras, desde a captura do produto até a súa
primeira venda: bacallau capturado en augas internacionais de
Svalvard/Noruega, robaliza de profundidade en augas do cinto
antártico e xarda en augas do Caladoiro Cantábrico-Noroeste.
Segundo
informan dende ARVI, o CETMAR e o IIM, “a adopción do sistema
blockchain por parte do sector pesqueiro achegará, á parte
de seguridade e inviolabilidade na información, unha oportunidade
para reforzar a transparencia e mellorar con iso a eficiencia dos
procesos e a imaxe do sector pesqueiro dentro do mercado alimentario,
fronte a uns consumidores cada vez máis mentalizados e esixentes en
materia ambiental e acerca dun consumo responsábel, saudábel e
seguro”.