A montaña de Lugo colle impulso transformador co seu proxecto de Territorio Rural Intelixente
xoves, 13 de abril do 2023
A
subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o deputado de
Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, estiveron este
xoves 13 de abril no concello de Ribeira de Piquín presentando
as posibilidades de desenvolvemento rural que se abren co programa
estatal Territorio Rural Intelixente, do que forma parte o
concello da montaña luguesa a través do plan Montes e Vales
Orientais Territorio Rural Intelixente, que tamén abrangue os
concellos de Pontenova, Meira, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz,
Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e
Pedrafita do Cebreiro.
No
acto tamén estiveron o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfonso
Villares, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez,
entre outras autoridades.
O
plan é unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de
Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Asociación de
Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, financiada polo
Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O
obxectivo é “a creación de ecosistemas de innovación para a
transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a
autonomía”.
Isabel
Rodríguez destacou a necesidade de desenvolver proxectos de
innovación social na provincia para facer fronte ao despoboamento do
medio rural. “Desde as administracións é urxente traballar para
dar resposta a unha responsabilidade común como é o reto
demográfico, por eso debemos contribuír ao reequilibrio territorial
e garantir a igualdade de oportunidades para que as persoas que viven
no medio rural sigan vivindo del, á vez que atraemos e asentamos
nova poboación nas nosas vilas”, manifestou a subdelegada.
Isabel
Rodríguez felicitou á FEGAMP e ao GDR Montes e Vales Orientais por
levar a cabo este tipo de proxectos e ideas pensadas no futuro dos
pobos, detectando iniciativas e oportunidades que demostran o
coñecemento das necesidades do territorio e os retos aos que se
enfronta, tal e como reflicte que dos 13 municipios que conforman
este espazo, con máis de 2.500 quilómetros cadrados de territorio,
tan só conta con 22.000 habitantes.
O
plan comprende tres liñas principais de actuación que consisten na
creación dun Centro de Innovación, Emprendemento e Participación
Social; un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria
dirixida ás persoas maiores; e a promoción de vivenda de alugueiro
para fixar poboación. O GDR abrangue como dixemos os municipios da
Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de
Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes,
Láncara e Pedrafita do Cebreiro.