A nova edición de Formadores Dixitais impartirá contidos a un centenar de adestradores para o emprego
luns, 28 de xuño do 2021
O
Goberno
galego lanzou un novo curso tecnolóxico para docentes e formadores
para o emprego. Trátase dunha nova edición de Formadores
Dixitais, coa que se busca impartir coñecementos sobre capacitación
en liña a 100 persoas vencelladas co adestramento de profesionais
para a busca dun posto de traballo. Estará dispoñíbel do 1 de
setembro ao 28 de outubro deste ano cunha aprendizaxe completamente
en liña. Lánzase, en palabras da Xunta, “en consonancia cunha
formación que avanza na dixitalización e que quere ser accesíbel
para todas e todos”.
O
programa está dirixido “a todo aquel persoal formador para o
emprego interesado en profundizar e avanzar nos seus coñecementos
sobre aprendizaxe na Rede e estará dispoñíbel para 100 persoas”.
Serán, en total, 90 horas de curso coa suma de vídeos formativos,
sesións en directo e titorías realizadas por un equipo de 15
persoas de prestixio no ámbito da capacitación dixital. Os e as
participantes deberán entregar, ao final do curso, un proxecto final
onde reflictan os coñecementos adquiridos.
As
persoas interesadas poderán inscribirse ata o 23 de xullo a través
dun formulario web na páxina www.formadoresdixitais.com.
Esta
iniciativa inscríbese dentro da estratexia do Executivo galego dunha
formación para o emprego “accesíbel e dixitalizada” con medidas
como a creación dun Campus Virtual que recollerá toda a oferta
formativa da Xunta para persoas empregadas e desocupadas. Serán
usuarias destes 1.700 cursos un total de 15.000 alumnas e alumnos ao
ano. Este Campus estará ao dispor das preto de 1.100 entidades
formativas acreditadas en Galicia e dos trece centros de formación
da Consellería de Emprego e Igualdade.