A nova edición do Congreso de Software Libre para a Educación terá un extra de espírito participativo
venres, 9 de maio do 2014
A plataforma Igaciencia
(iniciativa colectiva para a divulgación da ciencia galega e para
afianzar o galego na ciencia) informounos estes xoves que xa está en
marcha a preparación da terceira entrega do seu Congreso
de Software Libre para a Educación, unha das grandes citas
galegas do ámbito docente e tecnolóxico, co engadido de estar
centrada na programación aberta e nas súas vantaxes no ensino, case
con toda probabilidade maiores cás do software pechado e privativo,
sobre todo por achegar aquela menores custes de adquisición e
meirande marxe de adaptabilidade e manexo (a súa condición de
aberta permítenos acceder ao código fonte e enriquecelo, formarnos
nel e afacelo ás nosas necesidades concretas). O congreso celébrase
no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago, os días 1 e
2 de xullo.
Segundo nos conta Manuel
Díaz Regueiro (Igaciencia), os puntos fortes desta terceira edición
son sen lugar a dúbidas os seguintes: emprestarase especial atención
á tecnoloxía electrónica ao alcance de todas e todos (Arduino,
Processing), amosaranse as posibilidades de diversos recursos para
fomentar a nosa creatividade (YouTube, Adudacity, Processing) e
convidarase a profesorado da nosa terra para comentar de primeira man
as súas experiencias tecnolóxico-docentes. A idea, neste senso, é
reducir o peso habitual dos relatorios oficiais e ampliar a marxe
para amosar o día a día dos profesionais do ensino co software
libre en calquera das súas manifestacións. Ao fío disto, o
programa de actividades discorre en boa medida paralelo aos preceptos
da programación aberta: é un programa participativo a través do
que se nos convida a expoñer o noso punto de vista ante o público.
Para animar a este espírito colectivo e aberto, a organización
dispuxo na web
do congreso un apartado onde se acubillan contidos susceptíbeis de
seren abordados nos posíbeis relatorios, que tanto poden ser “os
xerais relativos ao mundo das TIC na educación, como os específicos
do software libre”. Por certo, para quen queira inscribirse como
asistente, dicirlle
que xa está aberto o prazo para facelo.