A nova estratexia RIS3 de Galicia redobra a súa aposta pola I+D+i

martes, 26 de abril do 2022 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, compareceu este 26 de abril no pleno do Parlamento para presentar a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027. Segundo resumiu, esta folla de ruta pon ante todo o foco en tres piares: a sustentabilidade (eixe diferenciador das políticas de I+D+i con respecto ás anteriores etapas), a innovación (elemento facilitador da transformación económica e social de Galicia) e as persoas (buscando resolver retos sociais como o envellecemento, a alimentación, o despoboamento, a saúde ou a cohesión territorial).
Tamén destacou que a estratexia vén cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5.000M€ de investimento público-privado. Con respecto á anterior convocatoria (a RIS3 2014-2020), dixo que esta nova estratexia supón un medre “tanto en obxectivos como en recursos por exixencias do contexto de transformación enerxética e dixital”. Este contexto, dixo, fai que se teña que redobrar a aposta pola I+D+i.
Seguindo o fío da comparativa coa anterior folla de ruta, Conde sinalou que para este período destinaranse un 157% máis de fondos que no anterior marco orzamentario 2014-2020, no que se acadou un investimento superior aos 1.900M€. De cara ao 2027, dos 5.000M€ de investimento previsto, 3.000M€ proveñen de fondos públicos.
Froito dun proceso de diálogo co sector
Conde remarcou que se trata dunha estratexia, como a anterior, froito “dun proceso de diálogo” con todo o ecosistema galego de I+D+i (universidades, centros tecnolóxicos,...), co tecido empresarial galego, e, tamén, coa propia cidadanía, a través de diferentes encontros divulgativos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convocou a pé de rúa ao longo dos últimos meses e nos que se recolleron 300 achegas. En total, máis de 800 participantes entre as 500 empresas galegas que colaboraron, os centros de coñecemento e todas as persoas que, en xeral formaron parte das 27 mesas de traballo convocadas e que responderon ás 175 entrevistas realizadas.
Segundo dixo, unha das grandes novidades da nova RIS3 reside na introdución do concepto de misión, a mesma fórmula que a Comisión Europea para priorizar obxectivos e concentrar o máximo posíbel de recursos e capacidades ao redor dun gran proxecto. En concreto, está previsto que sexan entre catro e seis misións as que se desenvolvan en Galicia, que se irán perfilando cos axentes do ecosistema e que se financiarán con fondos FEDER a través de dúas convocatorias. Un dos proxectos previstos será para prolongar a estadía de persoas maiores dependentes nos seus domicilios, que requirirá aliñar solucións tecnolóxicas, asistenciais, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), médicas ou construtivas e de domótica.
Balance do anterior período
Respecto do balance 2014-2020, o conselleiro explicou que o investimento en Galicia en I+D creceu un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23%), conseguindo o nivel más alto: 641,7M€. A Xunta outorgou 6700 axudas (6 de cada 10 para pemes) que mobilizaron 1.900M€ de investimento público-privado, o 76% en proxectos encamiñados a crear un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Amais, dixo, triplicouse o orzamento de GAIN, que desde 2014 pasou de 56,3M€ a 152,7M€ neste exercicio. “Neste contexto, a innovación creceu en Galicia case ao dobre do ritmo da media española desde 2014”, engadiu.

PUBLICIDADE