A nova versión do reprodutor multimedia Songbird, dispoñible en galego
martes, 12 de xaneiro do 2010
A versión máis recente do Songbird (a 1.4.3), reprodutor multimedia de software libre, xa está ao cen por cen galego. Así nolo contan estes días dende Mancomún e dende a fonte orixinal da nova, o caderno de Carlos Neira, coñecido na Rede como Calidonia e responsable principal deste importante traballo de tradución informática. Sinalar, para os que non estean ao tanto das vantaxes do programa, que o Songbird é unha ferramenta baseada na plataforma XULRunner de Mozilla, o que a capacita para correr sobre GNU Linux, Mac OS X e máis Windows, caracterizándose tamén pola súa compatibilidade na Rede e nos diferentes portais de venda de música en liña, algúns dos que (coa axuda do Songbird) deixan marxe para a escoita das súas cancións. Estas e outras particularidades son as que animaron a Calidonia a abordar este labor, unidas ao respaldo da comunidade de desenvolvedores e usuarios de Mozilla e ao feito de que no ámbito dos reprodutores non existise un programa dominante senón moitos e variados.
Cómpre sinalar que para gozar no noso computador da versión en galego do aplicativo teremos que seguir os seguintes pasos: logo da instalación da versión propia do noso sistema operativo cómpre ir ao menú Ficheiro e á opción Idioma para logo premer na alternativa en galego. Despois, unha mensaxe informaranos de que o paquete de idioma non está instalado e de que será baixado da Internet. Se damos isto por bo e reiniciamos Songbird todo compoñente visual do programa figurará na nosa lingua.
O traballo comezou en 2007, e amais de ás devanditas razóns, a tradución responde ao compromiso de Carlos Neira por reforzar e promover a presenza da nosa lingua nas novas tecnoloxías da información e, dentro delas, aquelas que achegan máis marxe para a colaboración e o libre uso. “Doutro lado”, comenta facendo referencia a este esforzo duplo a prol de resolver dúas ausencias, a do galego (por desgraza caendo entre as novas xeracións) e a do dixital o noso eido social, “é evidente a importancia da música e dos contidos audiovisuais en xeral na propagación das tecnoloxías entre a sociedade, e nomeadamente entre a xuventude, precisamente alí onde a situación do uso da lingua galega é obxectivamente peor”. E prosegue: “A suma desta constatación cos datos anteriores déronme a xustificación necesaria para acometer o traballo”.
