A plataforma G11n coordinará a tradución ao galego de Firefox e OpenOffice
venres, 6 de novembro do 2009
A plataforma G11n, recentemente reforzada para asegurar o desenvolvemento de software libre galego e a adaptación á nosa lingua do xa existente, vén de acadar o recoñecemento internacional como responsable da tradución dalgúns programas libres de primeira liña: o navegador Firefox, o paquete de oficina OpenOffice.org e o contorno gráfico Gnome. O obxectivo da plataforma, con estes e outros importantes avais para ir dando comezo ao seu novo traballo, é poñer ao alcance da nosa comunidade internauta recursos para apoiar activamente e de xeito libre ao software libre galego.
Segundo apunta o colectivo e reflicte A Nosa Terra, o feito de que teña recaído sobre un membro de G11n o recoñecemento á galeguización das achegas da Fundación Mozilla (responsable do Firefox), Sun (a casa responsable de OpenOffice) e dos coordinadores de Gnome, supón o cambio de titularidade oficial da tradución á nosa lingua dos ditos programas libres, que pasa da Xunta á plataforma, concretamente a Suso Baleato. Desta maneira, sinala G11n, “evítase que perante as dúbidas amosadas polo Goberno nesta cuestión, as traducións ao galego de programas abertos fiquen sen recoñecemento internacional, tal e como pasou durante media década co Firefox”.
