A plataforma mancomun.org coordinou nun ano 90 eventos de difusión vinculados ó software libre

mércores, 9 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A plataforma mancomun.org, ese espazo web no que a Consellería de Innovación e usuarios e deseñadores de software libre da nosa terra traballan ombro con ombro, vén de cumprir xa un ano de vidacatalizando os proxectos de código aberto en Galiza”, en palabras do propia plataforma (que tamén é obradoiro e ata palestra de información e promoción). O caso é que os responsables da iniciativa están a facer reconto do acadado ó longo destes doce meses: en primeiro lugar, cómpre salientar que foron 90 os eventos de difusión coordinados dende mancomun.org dende a súa posta en marcha, cifra que segundo a plataforma duplica á conseguida nos dous anos anteriores no eido da divulgación do software libre.
Segundo sinala, “durante este ano de actividade de Mancomun.org a PEME, o ensino non universitario e a administración local tomaron conciencia da existencia dunha alternativa tecnolóxica máis innovadora, de menor custe e cunha maior capacidade de adaptación ás necesidades dos usuarios”.
Asemade, a iniciativa (que tamén ten o obxectivo de contribuír á competitividade das empresas a través de tecnoloxías innovadoras, accesibles e baratas, feitas integramente ou en parte na nosa terra), publicou no seu portal máis de 900 novas, “converténdose nun punto de encontro para a comunidade de software libre en todo o estado”. Amais, traballou a prol da tradución de software á nosa lingua (coordinando a tradución de ata 70 programas, incluíndo o paquete OpenOffice, por exemplo, ó que tiveron acceso unhas 45.000 persoas, ou a última versión do Firefox) e a prol do fomento do traballo conxunto e a colaboración coas universidades no deseño de programas abertos, amais de achegar asesoramento a diferentes actividades sociais, educativas e empresariais.