A presente edición do Enredando Tour remata con máis de 140 participantes
martes, 3 de outubro do 2023
Máis de 140
persoas participaron nas distintas actividades da iniciativa Enredando Tour, organizada pola Cruz Vermella
e a AMTEGA, para impulsar a autonomía dixital das persoas con 55 ou máis anos, pechando
esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron o
director de Área de Sociedade Dixital da Axencia autonómica, Miguel Rodríguez
Quelle; e o presidente comarcal de Cruz Vermella na capital galega, José Luis
Barreiro Conde.
O circuíto, que
se desenvolveu entre o 10 de xullo e o 27 de setembro, percorreu unha vintena
de localidades das catro provincias galegas. En cada unha das 20 localidades
instalouse unha furgoneta equipada con materiais dixitais de Cruz Vermella,
desde a que se ofrecían 4 obradoiros para elixir: navegar pola Internet e
correo electrónico; utilizar a mensaxería instantánea para comunicarse; facer
xestións cotiás co Sergas, banca electrónica ou compras en liña ou ben coñecer
a factura electrónica. Os participantes podían escoller, segundo os seus gustos
e intereses, entre diferentes dispositivos (móbil, tableta ou portátil).
Un dos aspectos
destacados desta iniciativa é o de fomentar o achegamento da contorna dixital
ás persoas que viven en núcleos rurais grazas á furgoneta que transporta os
dispositivos e accesorios necesarios. As aulas móbiles localízanse en zonas
céntricas ou prazas, o que facilita ao máximo a asistencia das persoas, non
tendo que desprazarse a unha cidade ou a outro pobo.