A rapazada de Porto do Son formouse nun uso seguro e saudábel de Internet
xoves, 3 de febreiro do 2022
Este
martes 1 de febreiro o alumnado de cuarto da ESO de Porto do Son
participou nunha xornada sobre a faciana negativa das novas
tecnoloxías, a que vén derivada dun mal uso das mesmas e que se
traduce en cousas como adiccións ou trastornos de conduta. Na
actividade cos rapaces tamén se puxo o foco na importancia de
estaren protexidos e alerta para non ser vítimas do ciberacoso e das
súas diferentes modalidades (grooming, sexting, sextorsión, etc).
O
obradoiro Violencia de xénero e novo contexto dixital veu
da man da entidade divulgativa Pantallas
Amigas e a Secretaría Xeral de Igualdade, no marco do acordo de
colaboración asinado coa FEGAMP e ao abeiro da Rede de Entidades
Locais contra a Violencia de Xénero da que forma parte o Concello de
Porto do Son.
Pantallas
Amigas é unha entidade posta en marcha no ano 2004, coincidindo co
espallamento das novas tecnoloxías da comunicación entre as novas
xeracións. O seu obxectivo é promover o uso seguro e saudábel de
Internet e das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación),
así como o fomento da cidadanía dixital responsábel na nenez e a
adolescencia. A tal fin desenvolve proxectos e recursos educativos
para a capacitación de nenos, nenas e adolescentes de forma “que
poidan desenvolverse de maneira autónoma en Internet”. A
actividade desenvolvida esta semana en Porto do Son forma parte
destes obxectivos.