A razón de ser do software libre, a debate en Madrid

martes, 7 de abril do 2009 Raquel Noya

CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas, vén de anunciar que o vindeiro 21 de maio, vai participar como prescriptor do WhyFLOSS Conference Madrid ´09 (algo así como “o porqué” do software libre), continuando así co apoio decidido a aqueles eventos que serven para a promoción e a difusión das aplicacións abertas en todos os ámbitos da sociedade.
WhyFLOSS Conference terá lugar no campus de Leganés da Universidade Carlos III de Madrid, e acollerá diferentes relatorios en torno ao futuro do software libre e das fontes abertas, facendo especial fincapé no modelo de negocio, máis con contidos que atenden tamén aos intereses das comunidades de desenvolvedores, dos investigadores e universidades, así como das diferentes administracións públicas españolas.
Trátase dun evento de carácter libre e de balde pero que precisa de inscrición previa a través da web oficial.
Este acto, de referencia internacional (desenvolvido en diferentes países de Europa e Latinoamérica), comezou sendo un portal web para a divulgación das tecnoloxías abertas, nembargantes, pouco a pouco foise abrindo paso a modo de “casos de éxito” levados de mostra a distintos países de todo mundo, para facer que sirvan de exemplo útil para outras empresas e institucións.
Agora, segundo afirma o director de desenvolvemento de negocio de Neurowork e responsable de WhyFLOSS en Europa, Alejandro Sánchez, este evento “mostra que o software libre é unha realidade productiva e de negocio, máis alá dos aspectos tecnolóxicos, que se está a empregar amplamente en todo o mundo”.