A responsable de Modernización destaca a importancia das TIC nas entidades locais

xoves, 3 de marzo do 2011 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, participou esta mañá no Seminario sobre o proxecto europeo Axenda Dixital Local organizado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, acto no que sinalou que o impulso da Administración electrónica nas entidades locais permitirá estimular o progreso local e xerar novos investimentos. Tamén indicou que a Xunta ten entre as súas prioridades que Galicia se integre de xeito definitivo na Sociedade da Información, de aí que conte cunha estratexia tecnolóxica global 2014.gal que dispón medidas concretas para o ámbito da Administración pública e as entidades locais.
Estas liñas de actuación entroncan co proxecto europeo da Axenda Dixital Local, o instrumento co que se quere fortalecer a capacidade de actuación das administracións locais e rexionais a través dunha infraestrutura tecnolóxica adecuada e segura que permita promover servizos e aplicacións baseados nas TIC.
Mar Pereira destacou o recoñecemento que o proxecto europeo Axenda Dixital Local fixo da historia clínica IANUS como mellor exemplo de boas prácticas entre un total de 37 iniciativas relacionadas coa sociedade da información. Esta iniciativa da Xunta, «é un claro exemplo da importante achega ao benestar da sociedade que pode ter un uso intelixente das novas tecnoloxías» segundo a responsable de Modernización. O pasado ano realizáronse máis de 14 millóns de accesos de profesionais sanitarios á IANUS. Actualmente o 100% do persoal médico xa ten acceso á historia clínica electrónica (IANUS).

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica interveu hoxe no Seminario sobre o proxecto europeo Axenda Dixital Local organizado polo Eixo Atlántico

«O desenvolvemento da estratexia tecnolóxica baixo a forma dunha Axenda Dixital Local permite unha priorización e asignación eficiente dos recursos, a participación activa de todos os axentes implicados e involucrar á sociedade para alcanzar un obxectivo común» segundo a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quen engadiu que « favorece as posibilidades de atopar financiamento e apoio ás iniciativas contidas no mesmo por parte doutras administracións e institucións e o mantemento dunha visión a medio-longo prazo».
Mar Pereira destacou as actuacións que se están a realizar desde a Xunta de para integrar as TIC nas entidades locais, as máis próximas ao cidadán. Así a secretaria xeral lembrou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga de Galicia a posta en marcha do Plan eConcellos, que cun orzamento de 9,1 millóns de euros ata o ano 2013, ten como obxectivo desenvolver a administración electrónica nas entidades locais e garantir uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns.

PUBLICIDADE