A revolución do software libre, a exame a partir do día 20 en Compostela

martes, 14 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O software libre, malia ser máis antigo có privativo, aínda está un pouco por explicar. Dito doutro xeito: son moitas as sesións de promoción do software pechado as que hai que compensar coa outra versión dos feitos, a que propón a programación aberta. Malia que dun tempo a esta parte a cousa tende a equilibrarse, hai traballo por facer no camiño de conseguir que os internautas tomen un camiño ou outro perfectamente conscientes do que fan (ata hai ben pouco, case collías o privativo porque pensabas que non había máis opción). Informar das cousas que acontecen hoxe no eido internacional do open source, que pecha fileiras agora co apoio dunha chea de empresas e de administracións, é un dos obxectivos do curso da Universidade de Santiago chamado A Revolución do Software Libre, a desenvolver na Facultade de Historia e con Tomás Fernández Pena en labores de director.
A actividade formativa, que vai do 20 ao 24 de xullo, busca avaliar a “fondura e o dramatismo” duns feitos que comezaron globalmente en 1983 e que afectaron (e iso podémolo ver todos os días) ao comportamento mesmo de usuarios, empresas, gobernos e institucións variadas. Feitos que os organizadores do curso denominan A Revolución do Software Libre.
A actividade, que incluirá conferencias impartidas por referentes profesionais e filosóficos das múltiples areas implicadas, está proxectada para un público xeralista, “en boa medida coa vontade de amosar o xeito en que o software libre afecta a toda a sociedade”, sinala a organización. Con todo, a actividade non se pecha nin moito menos á participación da liña máis experimentada da comunidade de usuarios da programación aberta, “o que permitirá abordar aspectos que decote fican en segundo plano”.
O curso, a desenvolver na aula 10 da Facultade de Xeografía e Historia, inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Os/as asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecible como 2 créditos de libre configuración. O límite de prazas é de 150. O horario do curso será de luns a xoves, de 9:30 a 14:00 e de 16 a 18, e o venres de 9:30 a 14:00.