A tenda en liña desenvolvida por Ayco para Florentino, entre as 30 mellores do mundo
martes, 25 de xuño do 2013
A empresa galega Ayco, recentemente
de festexos polos seus 15 anos de vida, realizou recentemente
unha importante actuación de ecommerce para a cadea de moda
Florentino, con base central en Lalín en presenza nunha chea de
mercado internacionais. Os traballos despregados por Ayco centráronse
no desenvolvemento e posta en marcha dunha
tenda en liña para a cadea téxtil galega, tenda que pouco tempo
despois da súa estrea xa foi seleccionada pola
revista GQ entre as trinta mellores do mundo da súa categoría
(constituíndose como a única achega galega da devandita listaxe
internacional).
A publicación GQ, para dar forma á súa listaxe,
realizou unha procura intensiva por todo o eido actual do comercio
electrónico e recomendou 30 tendas en liña, entre as que inclúen a
da empresa galega, xunto con outras marcas internacionais como
Burberry, Bottega Veneta, Tommy Hilfiger, Etro, etc. e españolas
como Asos, Laconicum ou Atwendo. A xuízo de Ayco, estamos ante todo
un recoñecemento a ter en conta, que “non fai máis que pór en
valor o traballo e a dedicación do equipo de Ayco para desenvolver
proxectos con gran nivel non só técnico senón tamén de deseño”.
O obxectivo de Ayco ao desenvolver a tenda dixital
de Florentino, foi o de “facela totalmente integrada na páxina
web www.florentino.com, tamén obra da empresa”. Desta forma,
engade a firma, “facilitábase a navegabilidade dos usuarios
compaxinando a visita polas diferentes seccións e coleccións, sen
abandonar o seu acceso á plataforma de compra”.
Tanto nun espazo coma noutro, coidouse até o máis
miúdo detalle, e todo coa idea de “converter a tenda nun
escaparate da marca que cinguise un deseño elegante e
innovador”. O resultado, agora recoñecido por boa parte do
sector da moda, “demostra que as empresas galegas, tanto
de tecnoloxía como do sector téxtil, están á cabeza
dos seus respectivos eidos de actividade a nivel
nacional e tamén internacional”.