A xestión TIC de vehículos, ao detalle nunha nova xornada no Club Financeiro Atlántico

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Redacción

O Club Financeiro Atlántico da Coruña prosegue coas súas xeiras formativas, divulgativas e de debate arredor das múltiples facianas que adopta a innovación e a creatividade aplicada ás tecnoloxías. Se os días pasados falabamos da cita con José Luis Orihuela arredor da comunicación do noso tempo (e do que tempo que nos espera), agora é a quenda de facer fincapé no transporte e na xestión tecnolóxica de vehículos (o transporte e a xestión de hoxe, e a do día de mañá). Estamos a falar do Curso Avanzado de Xestión de Frotas, que se celebra este 2 de febreiro no Club Financeiro, e que, co fío temático do control e o seguimento dos custes de equipamentos de mobilidade, vén da man da firma galega Ferreira Dapía Technology Consultant, en colaboración con Escola de Finanzas e Advanced Fleet Management Consulting.
O curso, que segundos os organizadores é o primeiro destas características que se celebra na Coruña, artéllase nunha xornada de cinco horas de duración e está dirixido a empresarios, directivos, xerentes, xestores de frotas, directores de loxística e profesionais relacionados coa xestión de frotas de vehículos.
A xornada será inaugurada por Venancio Salcines, fundador de Escola de Finanzas, e clausurada por José Antonio Ferreira, director de Ferreira Dapía. A formación será impartida por José Miguel Fernández, manager de Advanced Fleet Management Consulting, firma referencial na xestión de frotas, que entre outros traballos encargouse para a Axencia para os Refuxiados da ONU (UNHCR) da optimización e xestión das actividades do seu equipamento de 6.500 vehículos en todo o mundo.
Para quen non o saiba, Ferreira Dapía é un servizo coruñés de consultoría tecnolóxica fundado por José Antonio Ferreira, que amoreou ao longo das tres últimas décadas unha ampla experiencia na creación de empresas relacionadas coas radiocomunicacións, a telefonía fixa, a telefonía móbil e os servizos de localización por GPS.
As especialidades de Ferreira Dapía Technology Consultant son a Internet das Cousas (IoT), a información a gran escala (Big Data), a telemática, a xestión de frotas, de emerxencias e seguridade, a telemetría, a transmisión de datos en mobilidade, as solucións para dispositivos móbiles, as comunicacións M2M e as radiocomunicacións.

PUBLICIDADE