A xestión de refugallos de Smart City Lugo permitirá aforros de máis de 600.000 euros
luns, 2 de setembro do 2019
- Fachada do Consistorio de Lugo
O
proxecto Smart City Lugo para converter a cidade galega nunha urbe
intelixentes emitiu estes días novos e interesantes sinais de
actividade en materia de medio ambiente. Máis polo miúdo, en
materia de xestión de refugallos urbanos e sustentabilidade
intelixente.
Neste punto, o Concello está a facer arrancar esta semana as probas
da súa proba piloto de xestión smart de residuos, un
programa que lle servirá á Administración local, co seu
desenvolvemento, para lograr aforros de máis de 600.000 euros. E
como será posíbel esta contribución á eficiencia? Pois
basicamente con sensores equipados nos contedores que miden o volume
e enchido dos mesmos e envían datos de utilidade. A proba piloto
comeza coas fraccións de envases lixeiros e papel.
O
concelleiro Alvaro Santos explicou que “a colocación dos sensores
comezará o xoves día 5, xunto ca realización de diferentes probas
na nave do servizo como é a cobertura de datos e funcionamento das
comunicacións co sistema, elevación dos contedores co sensor xa
instalado, enchido parcial dos mesmos para comprobar o comportamento
e estudos necesarios con carácter previo á súa instalación na
rúa”.
Segundo
engadiu, “a obtención de información sobre o estado de cada
contedor mellorará a recollida de residuos, xa que os camións
optimizarán as súas viaxes sen ter que pasar por recipientes medio
baleiros e recollerán os cheos con máis axilidade, o que evitará
impactos ao medio ambiente e axilizará o tráfico ao reducir o paso
de camións, co aforro en emisións de CO2 que isto implica”.
Santos
engadiu que a iniciativa abéirase á estratexia de Smart City posta
en marcha no anterior mandato pola alcaldesa Lara Méndez co
obxectivo de facer avanzar a cidade en materia de automatización,
xestión, optimización de recursos, comunicación, sustentabilidade
e ecoloxía. “Neste caso”, dixo, “non só se avanza nun modelo
de Cidade Intelixente senón tamén nun modelo de municipio
respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións
sustentábeis, o que suporá unha mellora do benestar e da calidade
de vida da veciñanza lucense”.
O
edil lembrou que amais de coa recollida de residuos sólidos urbanos,
ao abeiro do proxecto smart estase a traballar xa na
implantación da Administración Electrónica, en sistemas de
xeolocalización para conseguir aparcadoiros intelixentes e na
eficiencia enerxética de edificios públicos e o alumeado público,
tanto no entorno urbano como rural.
O
proxecto Smart City conta cun orzamento de 4.112.801 euros,
financiado nun 60% cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional
(FEDER),mentres que o Concello de Lugo aporta o financiamento (1,6
millóns de euros).