AGAPI converte á rapazada de Secundaria en creadora de contidos
luns, 9 de outubro do 2023
Promover
o audiovisual en lingua galega entre a xente de Secundaria é o
obxectivo do programa Educa Audiovisual, unha proposta que xorde
froito do acordo de colaboración entre AGAPI, o Instituto da
Cinematografía e das Artes Cinematográficas (ICAA) e a Xunta, a
través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Educa
Audiovisual xa estivo presente en diversos Institutos de Ensinanza
Secundaria (IES) da nosa xeografía, cun moi bo resultado. O catálogo
dixital desta proposta inclúe: filmes, series, curtametraxes e
videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas
co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula
nas distintas materias curriculares.
A
lingua, a memoria e o territorio son os tres eixos arredor dos que
xiran as 14 obras, sempre dende un punto de vista actual e accesíbel,
que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de
vangarda. A finalidade é achegar ao profesorado unha nova ferramenta
para fornecer coñecemento aos seus estudantes empregando como base
contido audiovisual de calidade e en galego.
Indo
ao miolo do Educa Audiovisual, cada unha das fichas dos traballos
desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, amais de
facilitar as ligazóns para o seu visionado na aula. A maiores deste
uso libre do catálogo, este programa ofrécelles aos centros a
posibilidade de acceder a unha serie de coloquios a través dos que
se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do
alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a
reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico.
O
catálogo, a disposición de todos os institutos galegos de Educación
Secundaria, está conformado pola serie documental 225 Km / 24 h.,
de Miramemira; A dobraxe en galego, un modelo de normalización,
de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; A mestra de
escola, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; Ahí
ven o Maio, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio
Batallán, de Tamboura Films; as curtametraxes de Sétima As
ondas, dirixida por Ángel Filgueira, e Crianza; a peza
Elas, produtoras executivas, realizada pola propia AGAPI
(Asociación Galega de Produtoras Independentes); Mourelle de la
Rúa. O último gran descubridor, de Chema Gagino e Amalia Mato;
a serie de pezas documentais O camiño das estrelas, de
Tamboura; Os camiños do neno labrego, de Noveolas
Producciones; Por vir, documental de Eloy Domínguez Serén
producido por Zeitun Films; Repartidores do rural, de
Miramemira; Tesouros somerxidos, de Tex45, e Videogramas. A
propósito de Compostela, de Numax.