AGASOL fai un chamamento para convocar ao máximo número de representantes do software libre no LSWC de Santiago

venres, 13 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Tal e como avanzamos hai unhas semanas en Código Cero, a terceira edición do Libre Software World Conference (LSWC’12) vai (con toda probabilidade) fortalecer as raizames do desenvolvemento e uso de programas abertos en Santiago e, por extensión, na nosa terra, raizames xa de por si fortes nos últimos tempos grazas principalmente ao traballo de grupos como GPUL Trasno ou AGASOL, ou polo potencial divulgador de Abalar, que apoia o seu obxectivo, dixitalizar as nosas aulas, en open source. Sen ir máis lonxe, é AGASOL a asociación encargada de organizar a conferencia, que se vai celebrar os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura, co apoio de AMTEGA. Os organizadores, por certo, están arestora procurando a máxima participación no mesmo.
A implicación e o significado do encontro internacional son, a xuízo de AGASOL, tan amplos como nos poidamos imaxinar, non só porque se pretende que estean presentes representantes de toda a comunidade estatal de programadores, usuarios e impulsores de código aberto, senón polo emprazamento elixido e os obxectivos marcados: cubrir ao cen por cen os ámbitos da empresa, a administración pública e a cidadanía e dar conta de todo o que pode facer no seu beneficio o espírito da programación libre.
O evento, engádese, é a día de hoxe un dos máis importantes a nivel estatal en difusión de open source, orientándose cara un enfoque principalmente profesional e empresarial. A xuízo de AGASOL, esta conferencia supón unha excelente oportunidade para coñecer de preto as principais novidades e innovacións técnicas, os novos produtos e proxectos no eido do software libre que hai en marcha en España, amais de servir como punto de encontro e networking entre os profesionais e empresas que se dedican a ofrecer servizos arredor do código aberto.
A organización está a traballar na elaboración do programa da conferencia e ata o día 18 de setembro está aberto o prazo de inscrición para remitir presentacións para o evento. Os interesados en participar na LSWC’’12 cunha charla, presentación ou demostración deberán inscribirse no evento como relatores e seguir os pasos indicados para completar o envío da súa proposta de intervención. As presentacións, para a súa valoración, deberán adaptarse aos seguintes criterios:
· O resumo terá un máximo de 300 palabras.
· Indicar a área temática: Administración pública e institucións, Cidadanía ou Empresas
· Xuntar a presentación nun formato aberto, tendo en conta que a súa exposición será, como máximo, de 25 minutos.
Dentro do período de recepción é posible editar os datos e información remitida accedendo de novo ao sistema de rexistro.Unha vez realizada a valoración e selección, todos as propostas recibirán unha resposta por parte da organización respecto da súa aceptación ou non aceptación.
Segundo engade a organización, a Libre Software World Conference 2012 de Santiago de Compostela está concibida como un evento aberto e como fonte de solucións diversas, pero concretas e resolutivas aplicadas a distintos sectores. E engádese: “Empresas, institucións e individuos encontrarán nestes dous días de intercambio de coñecemento e experiencias proxectos, avances, casos concretos e foros de discusión creados especialmente para eles sobre a base tecnolóxica máis eficiente do software libre”.