AGASOL habilita unha aula de teleformación sobre software libre
xoves, 16 de maio do 2013
O
espazo web de Mancomún vén
de informar da inauguración da
Aula AGASOL, unha canle de
teleformación sobre tecnoloxías e plataformas libres para aqueles
interesados en aplicar programas abertos nos seus negocios, ben de
cara a un aproveitamento persoal, ou a unha creación de contidos...
e todo isto avalado pola bagaxe das empresas especializadas en
software libre que conforman AGASOL
(Asociación de empresas Galegas de Software Libre). E quen se atopa
detrás deste nome? Pois AGASOL, un grupo de empresas galegas ligadas
ao coñecemento sen barreiras que se agrupan para tentar acadar
maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun
sector en fase expansiva na nosa terra e, ao tempo, promover un
modelo de Sociedade do Coñecemento no que resulta clave a liberdade
para mellorar os programas informáticos e facer públicos e
accesibles eses progresos.
Indo
ao que nos ocupa, dende a entidade empresarial galega apuntan que a
finalidade da aula é a de mellorar o contacto coas ferramentas
libres cunha meta ben definida: aumentar
a competitividade,
permitir o aforro
de recursos
e aproveitar todas as potencialidades da informática no traballo ou
no negocio. Emporiso, coa Aula AGASOL quérese fornecer unha
plataforma tecnolóxica ao alcance de todos mediante unha formación
específica para o uso de ferramentas e aplicacións ceibas, así
como o uso de diferentes contidos formativos creados en software
libre ou estándares que fan posible a súa actualización. Asemade,
en AGASOL ofrécese a opción dunha titoría
e seguimento docente coas ferramentas de formación eLearning
en programación aberta. Segundo verbas dos representantes de
AGASOL,“este
é un exemplo da calidade e proxección que está a ter o software
libre galego”
e a través da súa marca Libres
para aprender, libres para crear,
queren facer realidade unha boa teleformación e unha ampla oferta de
contidos.
