AGASOL promoverá ferramentas das súas empresas no ámbito da Confederación de Empresarios da Coruña
luns, 5 de xaneiro do 2015
AGASOL rematou o ano xuntando forzas con diversas
entidades no seu camiño de acadar a máxima presenza das empresas de
software libre galegas en múltiples ámbitos do noso tecido
produtivo. Así, logo da
alianza formalizada co Clúster TIC Galicia, a Asociación Galega
de Empresas de Software Libre formalizou
un pacto de colaboración co coa Confederación de Empresarios da
Coruña, sendo o seu obxectivo promover e divulgar de forma
conxunta o uso da programación aberta. Na sinatura do convenio
participaron os presidentes de ambas as dúas entidades, Antonio
Fontenla Ramil e Xavier Castaño García, respectivamente. O acto
celebrouse o pasado 23 de decembro. O convenio, de duración
indefinida, prevé a difusión dos servizos e as ferramentas abertas
no ámbito empresarial provincial.
Segundo fixo saber o presidente de AGASOL, tanto a
alianza co Clúster como coa CEC responden en boa medida ás propias
demandas das nosas empresas, “porque buscan ante todo un modelo de
negocio eficiente, adaptable ás súas necesidades, rendible e de
alta calidade, e iso no ámbito do software ofréceo o software
libre”. Xavier Castaño Garcia, presidente de AGASOL, engadiu que o
convenio co Confederación é un paso adiante para a asociación,
“xa que abre as portas ao afianzamento do peso específico que o
software libre ten no sector empresarial galego. Asemade, apuntou,
“abre unha canle de estreita colaboración co resto do sector
empresarial que esperamos axude a crecer a implantación e
desenvolvemento de software libre en Galicia”.
