AGESTIC rexeita os plans do Cluster TIC
mércores, 22 de xuño do 2011
Os
problemas e atrancos que se están a rexistrar nos últimos tempos na nosa terra
para acadar unha proposta de colaboración común empresarial TIC que satisfaga a
todas e todos, problemas e atrancos por outra banda naturais (en certa medida)
en calquera iniciativa colectiva de envergadura, semella que non van ter solución
a curto prazo. Ás incógnitas achegadas trala baixa de
EGANET no Cluster TIC de Galicia sobre o futuro e viabilidade desta última
plataforma, unhas incógnitas que o Cluster tentou despexar
os días pasados, súmanse agora as dúbidas que amosa a Asociación Galega de Empresas TIC,
AGESTIC, “sobre o contido íntegro da
carta do 16 de xuño que Rafael Valcarce, como presidente do Cluster, dirixiu a
tódolos membros e que tamén foi publicada en algúns medios de comunicación”,
sinala AGESTIC nun comunicado. Por este motivo, a asociación xa fixo público
que rexeita os plans do presidente do Cluster.
A
raizame de todo isto está nos motivos que segundo conta AGESTIC expón Rafael
Valcarce, presidente da organización, na súa misiva para xustificar a baixa de
EGANET e de varias empresas. A xuízo de AGESTIC, estes motivos non son certos, “e a realidade é que tanto esta asociación
como EGANET levan dende setembro de 2010 tentando consensuar unha serie de
modificacións nos estatutos do Cluster, sendo reiteradamente bloqueados e
pechadas as negociación por orde expresa de Valcarce”, sinálase no
comunicado de AGESTIC.
Como
proba das tentativas para abrir o Cluster á participación das pequenas e
medianas empresas TIC da nosa terra, AGESTIC remite ao documento entregado no
rexistro do Cluster o día 2 de febreiro de 2011, no que se lle propón a
apertura ás pemes e a todas asociacións
TIC galegas, “a prol de democratizar a
participación e de conseguir que as empresas galegas sexan as verdadeiras
protagonistas tendo capacidade de decisión, de que as empresas ou entidades de
fóra non puidesen ser membros elixíbeis dos órganos de goberno pasando a
constituír un consello asesor, de limitar o número de delegacións de voto na
asemblea, de reformular o sistema de representación pasando a ser unha empresa
de voto e de pór sobre a mesa incompatibilidade de acumulación de cargos dos
directivos”.
Segundo
informan as dúas asociacións galegas, o seu documento vén a pedir unha meirande
transparencia democrática e o impedimento de que as empresas grandes teñan o
control da asemblea ao ter máis votos cás pequenas e medianas. Tamén se pide
unha meirande atención das pemes por
enriba das asociacións ou os colexios profesionais e, en definitiva, reclámase
que o Cluster estea só “ao servizo dos
intereses económicos das empresas TIC de Galicia sen outras influencias
externas”.