AGNIX celebra esta fin de semana o seu hacking-cocido 2011

mércores, 2 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación galega AGNIX, centrada na promoción do software libre en tódalas súa facetas, celebra esta fin de semana un encontro que ten moito de reivindicación dunha irmandade galega arredor da programación aberta e, tamén, de recoñecemento do eido gastronómico e festivo que nos é propio. En definitiva, que do que se trata é de fundir a nosa clásica forma de xuntármonos coas cousas dixitais, que non teñen porqué ser incompatibles. Este “espírito festeiro” é o que vai presidir o hacking-cocido 2011 que se celebra o sábado 5 en Casa Amancio, sede de certas actividades e xuntanzas previas de AGNIX.
A nova convocatoria, informa a asociación na súa web, é a constatación de que mesmo as xuntanzas tecnolóxico-dixitais obteñen os mellores resultados se hai argumentos gastronómicos de peso de por medio. E no medio de todo, comentan, mesmo se crea o ambiente axeitado para conversas de alto nivel sobre o software libre e o seu papel dinamizador da Sociedade do Coñecemento. E engaden: “Malia distancia que aínda hai ata unha universalización do uso de solucións libres e a distribución do coñecemento, cada dia estamos máis seguros de que este é o roteiro que nos depara o futuro; así o comprobamos a cotío; só queda insistir con teima e agardar o tempo pasar”.