AMTEGA achega a oferta do software libre galego no portal Mancomún

luns, 8 de abril do 2013 Redacción

De falarmos de tecnoloxías libres, a nosa terra estaría situada nunha boa posición se nos referimos a oferta; con todo, existen algúns atrancos que aínda hai que solventar, é o caso da falta de información sobre produtos e provedores de software libre. Co propósito de mellorar esta situación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de presentar o Catálogo de Produtos, Servizos e Provedores de Software Libre de Galicia no portal Mancomún, unha web que, como lembraremos, recolle as iniciativas de tecnoloxía libre da Comunidade. E que utilidades achega esta listaxe? Pois basicamente consiste nunha ferramenta de consulta web que permite a procura por categorías dos produtos de programación aberta así como a información dos provedores que emprestan servizos sobre eles: solucións de xestión empresarial, plataformas web ou mesmo software especializado.
Esta interface de consulta está integrada xa no portal mancomun.org e recompila os datos do MapaTIC.gal, nel atoparemos rexistradas 178 empresas e 400 solucións tecnolóxicas de todo tipo. Así, os produtos que se dean de alta no MapaTIC baixo a etiqueta de software libre pasarán a formar parte de xeito automático neste novo inventario, coa referencia aos provedores que os ofertan.
Cómpre engadir que, coincidindo coa publicación do devandito catálogo, tamén se publicou a documentación e a ficha de datos dos servizos web do MapaTIC.gal en Abert@s, o portal Open Data da Xunta de Galicia. Con esta publicación poderanse reutilizar os datos dos provedores tecnolóxicos de Galicia de cara ao desenvolvemento de aplicacións. Dicir que os servizos foron publicados cunha licencia Creative Commons con Atribución (CC-BY) permitindo calquera tipo de uso, sempre que se cite a orixe dos datos do MapaTIC.

PUBLICIDADE