AMTEGA apoiará a diversas actividades de promoción do software libre durante 2013

luns, 13 de maio do 2013 Redacción

O Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG) integrado polas 3 universidades galegas e 6 asociacións de software libre de Galicia (AGUSL) colaborarán coa AMTEGA na promoción e fomento do uso do software libre entre a cidadanía, para o que a Axencia para a Modernización de Galicia achegará 110.000 euros a través dun convenio de colaboración para o desenvolvemento de máis de 50 actividades que abranguen dende a organización de xornadas, cursos e obradoiros ata a elaboración de material formativo e a tradución ao galego de software libre. Deste xeito, a AMTEGA continuará a apoiar ao software libre na nosa comunidade e normalización da nosa lingua no ámbito TIC.
Entre as actividades amparadas neste convenio estarían 2 novas edicións dos eventos de formación e debate organizadas polo Proxecto Trasno, Trasnadas, e unha fin de semana intensiva de tradución dun proxecto de software libre, o Traslatón 2013. O CIXUG tamén rematará a tradución ao galego do proxecto Moodle, plataforma de teleformación empregada nas 3 universidades e pola propia Xunta de Galicia. Na mesma liña, a asociación GHANDALF traducirá ao galego o novo libro sobre software libre que se unirá aos que levan traducidos nos últimos anos (como Creando Software Libre).