AMTEGA convoca o décimo premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

luns, 26 de xuño do 2017 Redacción

A AMTEGA vén de convocar a X edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, co obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres. O galardón está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do galardón no marco do convenios de colaboración asinados coa axencia para a realización de actividades de promoción do software libre en Galicia.
Segundo informa AMTEGA, pode optar ao premio calquera estudante das universidades galegas que teña defendido o seu proxecto de fin de carreira, traballo de fin de grao ou traballo de fin de mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2016-2017. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 30 de setembro.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza aberta entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de hardware libre.
Toda a información sobre como participar está dispoñíbel na páxina do premio dentro do portal Mancomún. mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia. O premio, que vai pola súa X edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha o devandito recoñemento. Dende o curso 2011-2012, o premio é convocado e organizado pola AMTEGA como parte do seu Plan de Acción de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre da nosa terra.

PUBLICIDADE