AMTEGA fornece 110 actividades de impulso ás tecnoloxías abertas

luns, 22 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Até un total de 110 iniciativas destinadas a impulsar os programas abertos en tódolos recantos da nosa terra e a ámbalas beiras da raia que delimita o público e o privado, a cidadanía e os entes públicos, o tecido produtivo e o tecido administrativo. Este podería ser o resumo do Plan de Acción Software Libre que vén de aprobar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), un plan que se vai desenvolver en colaboración cos “principais axentes do sector a través de acordos de colaboración” que se apoia nos seguintes piares conceptuais: reutilizar, dixitalizar e divulgar. Dito doutra maneira: trátase de fomentar a sustentabilidade do software nas administracións (reutilizando), de capacitar ás nosas empresas con solucións libres e de calidade e de amosar ante a cidadanía as vantaxes e implicacións dos programas abertos.
Como dixemos, o plan levarase a cabo a través de convenios de cooperación. Estes acordos, explica AMTEGA, veñen de ser renovados cunha dotación conxunta de 125.000 euros e abranguen as seguintes entidades: a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas, e as oito Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa. Os acordos asinados, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, permitirán a realización dun total de 38 actuacións das 110 do Plan 2017, que inclúen dende a tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento dos programas de fonte aberta en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en materia open source nas universidades.
No ámbito público, o Plan de Software Libre 2017 promoverá o emprego de tecnoloxías abertas “en proxectos de calado para a Administración”, como o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), o proxecto Abalar, a migración do sistema de xestión bibliotecaria, etc. Así mesmo, engade AMTEGA, ceibaranse dous novos proxectos desenvolvidos pola Administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras institucións e entidades.
No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Novamente o Centro Demostrador TIC o eixe arredor do que pivoten estas iniciativas, fomentando sesións demostradoras de software libre e, tamén, incorporando, dúas novas solucións open source ao CDTIC Virtual, como son a solución de comercio electrónico Wordpress-Woocomerce e o sistema de seguimento e seguridade Zabbix.
Para rematar, entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, a axencia salienta que se seguirán potenciando as tecnoloxías abertas dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
A maiores, convocarase a décima edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da Asociación GPUL. “Será neste eido”, explica AMTEGA, “onde se desenvolverán a maior parte das actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes devanditos do ecosistema open source de Galicia”.
Balance do Plan de Software Libre 2016
Xunto co lanzamento do Plan 2017 publícase o balance das actuacións de fomento da cultura de tecnoloxía colaborativa desenvolvidas pola AMTEGA e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2016. Amais de ser un ano salientábel en materia de cooperación para o desenvolvemento de novas ferramentas no plano administrativo, foi moi de destacar o papel xogado polo CDTIC, que centrou nos programas abertos máis da metade das súas actividades. Ademais, o CDTIC Virtual forneceu 6 solucións de software libre que poden ser probadas polas empresas galegas. Por outra banda, os estudos do OSIMGA amosaron que o 85,7% das empresas, o 49,8% das microempresas e o 87,2% das empresas TIC galegas empregaron en 2016 software libre.

PUBLICIDADE