Aberto aínda o prazo para optar aos premios de fin de carreira de Igalia e Mancomún
mércores, 1 de outubro do 2008
Igalia, empresa galega do eido tecnolóxico, vén de informar que mantén aberto ata o vindeiro venres 31 de outubro o prazo de matriculación para os estudantes das tres universidades do país que desexen concorrer na segunda edición do seu Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre. A iniciativa, da que xa temos falado polo miúdo en Código Cero ao longo do pasado verán, ten o obxectivo principal de estreitar na medida do posible os vieiros de contacto dos universitarios galegos cos programas de natureza aberta (open source), informándoos polo miúdo de todo o que se está a facer neste eido dende a comunidade internacional de deseñadores e usuarios e das posibilidades que achega arestora no mercado de traballo (complemento de primeira orde para o currículo).
A convocatoria, que conta co apoio das universidades galegas e da plataforma Mancomún (o centro de referencia de software libre da Consellería de Innovación), fica aberta a estudantes de calquera titulación que apoien o seu proxecto fin de carreira (desenvolvido entre febreiro e outubro de 2008) nunha nova proposta que estea baseada en programación aberta ou ben melloren unha xa dispoñible.
Por certo que a inscrición, como sinalamos anteriormente, pode levarse a cabo a través da web de Igalia ou tamén na de Mancomún. Os proxectos presentados serán sopesados por un xurado composto por especialistas en novas tecnoloxías da información procedentes da propia Igalia, da dita plataforma Mancomún e das universidades da Coruña, Vigo e Santiago. A iniciativa que obteña a cualificación de “mellor proxecto fin de carreira” obterá un recoñecemento de 1.000 euros. Asemade, o xurado estará en disposición de entregar un accésit, se o considera axeitado, por valor de 500 euros.
