Aberto o prazo de matrícula na terceira edición do Máster en Software Libre
xoves, 23 de xullo do 2009
Igalia e a Universidade de Rei Juan Carlos veñen de anunciar a terceira convocatoria do Máster en Software Libre, un curso de alto nivel especializado en formar profesionais no emprego, deseño e aplicación da programación aberta, teórico e práctico, a desenvolver a partir de outubro. O máster, que ten sede na Coruña, mantén arestora aberto o prazo de inscrición, ficando este activo ata o 31 de xullo. Por certo que a matrícula pode solicitarse na propia web do curso.
Para quen queira afondar polo miúdo no que lle ofrecer o máster, dicir que a idea dos seus responsables foi propoñer unha ferramenta que suplira a gran demanda de traballadores especializados en software libre dentro do sector das novas tecnoloxías, dous eidos en salientable progresión (tanto a programación aberta como o propio sector TIC) dentro da nosa terra.
O curso vai dirixido, sobre todo, a tituladas e titulados en novas tecnoloxías e telecomunicacións e máis a profesionais TIC que queiran ampliar e reforzar as súas capacidades para xestionar, avaliar e colaborar en proxectos internacionais de código aberto. Sinalar ademais que a iniciativa conta cun punto de vista moi práctico, na liña de converterse nun reflexo fiel do modelo de traballo do que se informa (o modelo de software libre), “fomentándose así a asistencia a congresos internacionais sobre a materia, e máis o traballo en grupo durante o desenvolvemento da docencia”, apuntan os seus responsables.
Por certo que este ano hai novidades na matrícula: grazas á política de descontos desta edición, é posible cursar o Máster en Software Libre dende 2.200 euros, tendo en conta descontos e prácticas remuneradas de ata 2.000 euros. Entre os colectivos con descontos atópanse varios colexios profesionais, asociacións de software libre galegas, empresas asociadas a AGASOL ou estudantes acabados de obter o título durante os últimos dous anos.
