Aberto o prazo para participar no Workshop de Software Libre do FISL

luns, 16 de marzo do 2009 Raquel Noya

A web de Mancomún vén de anunciar que o Fórum Internacional de Software Livre, FISL, o maior encontro de comunidades de software libre de América Latina, que terá lugar do 24 ao 27 de xuño en Porto Alegre, mantén aberto o prazo de recepción de traballos e artigos para a participación no Workshop de Software Libre (WSL) dos interesados.
O WSL é unha reunión científica que se enmarca no contexto do Fórum e que ten como obxectivo reunir ao profesorado, persoal investigador, estudantado e profesionais para, segundo Irene Touriño, levar a cabo a “presentación de traballos de investigación e de desenvolvemento relacionados coas tecnoloxías e os estándares abertos”.
O vindeiro día 11 de maio remata o prazo de recepción de traballos e artigos, os cales se deberán axustar ás características que indican na web do evento, e que resumen en, basicamente, estas pautas:

- Os artigos deben estar escritos en portugués, inglés ou español.
-Deberán limitarse a seis páxinas.

- O formato do texto debe seguir o modelo da SBC, dispoñible en: http://www.sbc.org.br/index.php?subject=60&content=downloads.

- Os artigos serán enviados en formatos Postscript ou PDF e exclusivamente de xeito dixital, vía URL.