Aberto o prazo para solicitar as novas axudas para acceder á Rede vía satélite

luns, 5 de agosto do 2013 Redacción

Segundo informou AMTEGA esta fin de semana, xa está aberto o prazo da segunda convocatoria para que as familias e as empresas das zonas galegas con máis atrancos de cobertura poidan solicitar as axudas para contratar Internet vía satélite. A Axencia lembrar que o programa este ano dispón dun investimento de 359.000 euros. O obxectivo, como temos sinalado en ocasións anteriores, é permitir a achega de banda larga a case 2.400 fogares e empresa que non dispoñan de acceso a este servizo de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Lembrar que na primeira convocatoria, a de 2012, beneficiáronse preto de 700 usuarios.
O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014. No punto de mira está dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das áreas da nosa terra máis illadas e de orografía máis complexa, onde o acceso a Internet só é posíbel vía satélite. As axudas serán tramitadas por 4 operadores de telecomunicación, acreditados pola Xunta como entidades colaboradas: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology. Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

PUBLICIDADE