Ábrese a inscrición para o V Fiadeiro de localización de software libre da USC
martes, 9 de abril do 2013

- Unha das edicións anteriores do Fiadeiro
Dende onte e ata o día 22 está aberto o prazo de matrícula
para o V
Fiadeiro de localización de software libre no que alumnos, docentes e
traballadores da Universidade de Santiago de Compostela, que traballarán xuntos
cun obxectivo común: a galeguización de aplicacións informáticas de software
libre.
A actividade desenvolverase en 2 xornadas a finais de abril na Escola Técnica
Superior de Enxeñaría, supervisados por Enrique Estévez Fernández, coordinador
do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla, e Antón Méixome,
lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e
LibreOffice, ambos do proxecto Trasno. O Fiadeiro de localización de software
consta dun proceso formativo previo de 3 horas o 25 de abril, á que seguirá
unha xornada de tradución supervisada o 27 de abril (de 10:00 a 19:00 horas,
con descansos de lecer e xantar incluídos).
Os asistentes ao Fiadeiro recibirán un diploma de asistencia de 12 horas e
recibirán 1 crédito de libre configuración curricular para as titulacións de 1º
e 2º ciclo (estando en tramitación o seu recoñecemento como competencia
transversal para o graos). O prezo de inscrición
para esta actividade é de 10 euros e está limitada a 20 prazas.
