Ábrese o proceso de reserva do iPhone 6s en España
martes, 6 de outubro do 2015
Aínda que nos novos lanzamentos de Apple as grandes colas
diante das súas tendas convertéronse practicamente nunha tradición, nos últimos
anos perderon pulo por distintos motivos, entre os que destaca a posibilidade
de facerse cos dispositivos a través da Internet ou, simplemente, por poder
reservarse para non ter que madrugar para ser un dos primeiros en ter o novo
iPhone ou iPad nas mans. Así, o vindeiro venres é de agardar que non haxa
grandes colas nas tendas, xa que veñen de abrir
a posibilidade de reservar os novos iPhone nas Apple Store españolas, para
que os máis impacientes poidan garantir que terán o iPhone 6s o primeiro día,
sendo poucas as tendas que ofrecen xa tal posibilidade para o iPhone 6s Plus.
O proceso de reservas tamén serve para confirmar os prezos dos novos teléfonos,
que serán de 749, 859 e 969 euros para o iPhone 6s de 16, 64 e 128 GB
respectivamente e de 859, 969 e 1.079 euros para o iPhone 6s Plus de 16, 64 e
128 GB, de xeito que sería a primeira vez que un iPhone supera a barreira do
milleiro de euros no seu lanzamento.