Actívase a plataforma de contidos PetisGo! da man da escritora Elena Gallego e o universo Dragal

luns, 27 de decembro do 2021 S. P.

Elena Gallego nunha imaxe da revista literaria Biosbardia

O universo Dragal, creado pola escritora galega Elena Gallego Abad, é o protagonista do que sería a primeira a primeira experiencia demostradora da plataforma de contidos interactivos PetisGo! impulsada pola Xunta e desenvolvida por unha UTE de empresas tecnolóxicas galegas.
A plataforma
Esta plataforma enmárcase no Plan DicoMindset que leva a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración con entidades públicas, como o IGAPE, a CRTVG ou a axencia AGADIC; e privadas, como o Clúster TIC, o Clúster Audiovisual e empresas tractoras. Este plan implica un investimento de máis de 13 millóns de euros para o impulso do sector de contidos dixitais.
A plataforma PetisGo!, desenvolvida nos últimos 18 meses, ten aplicacións como a creación de contidos para a TV interactiva, a educación, o turismo ou a difusión cultural. Foi creada por Xurelos-Petiscos, unha unión temporal de empresas formada por Cinfo, Sixtema, Xoia, R e Ficción Producciones.
PetisGo! forma parte dun convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG. Un dos seus grandes obxectivos é impulsar a creación e máis a difusión de contidos interactivos avanzados para ser desfrutados en distintos escenarios coma na natureza ou en visitas a monumentos históricos, e a través de múltiples dispositivos e tecnoloxías como sensores, contornas inmersivas, Realidade Aumentada ou Realidade Virtual.
Segundo explican fontes da Xunta, “a plataforma facilita que os propios usuarios, nenos, adolescentes, profesores ou profesionais do audiovisual creen experiencias interactivas, chamadas petiscos, que combinen estas tecnoloxías de xeito sinxelo”.
Dragal Challenge
Como dixemos a plataforma PetisGO! actívase cunha primeira experiencia demostradora que se basea no universo Dragal e que en última instancia busca demostrar o correcto funcionamento e as funcionalidades da dita plataforma. O xogo, que ten como obxectivo amosar 10 lugares de importancia histórica de Galicia, nútrese do mundo literario creado pola escritora Elena Gallego Abad, dando forma a un xogo interactivo que converte Galicia “nun gran taboleiro de xogo”, informa a Xunta, engadindo que estará aberto á participación de dez equipos participantes que competirán por premios consistentes en dispositivos móbiles e poderán crear tesouros escondidos con pistas (ovos de dragón) para desafiar aos demais equipos. Os tesouros deben versar sobre historias esquecidas de Galicia e deberán conter obxectos de realidade aumentada creados en PetisGo!
Os participantes terán que seguir as pistas para atopar os ovos de dragón espallados por toda a xeografía nunha competición por equipos que culminará nunha gran final.
O Dragal Challenge poderase seguir en directo a través da Plataforma PetisGo! en móbiles Android e iOS ou a través da versión para navegador.
Desde a Alameda de Santiago de Compostela emitirase un capítulo final, mesturando realidade e escenarios virtuais.

PUBLICIDADE