Adamo leva a Internet de alta velocidade a Abadín (Lugo)
venres, 21 de xullo do 2023
A
empresa Adamo vén de levar fibra óptica ao concello lucense de
Abadín, que fai fronte ao despoboamento da man do seu Goberno
municipal coa nova infraestrutura. De feito, trátase dun concello
que leva xa 70 anos perdendo habitantes e que busca, con este novo
servizo, inverter a tendencia. “A fibra óptica é de vital
importancia en calquera lugar, pero máis aínda, se cabe, en
localidades pequenas, rurais e que levan décadas loitando contra o
despoboamento”, explican fontes de Adamo sobre esta despregadura,
engadindo que logo de semanas de traballo xa hai 155 familias no
concello con Rede ultrarrápida, de ata 1.000 Mbps, á súa
disposición.
Así
llo trasladou David Llano, responsábel do operador en Galicia, ao
equipo de Gobierno do concello, a cuxos membros explicou os detalles
sobre o novo equipamento nun encontro celebrado esta mesma semana. O
alcalde, José María López Rancaño, celebrou o aceso da fibra
óptica no termo municipal e, segundo valorou a operadora, “está a
impulsar o desenvolvemento da infraestrutura concedendo os permisos
pertinentes con axilidade e facilitando en todo momento o labor dos
técnicos”.
Co
obxectivo precisamente de dotar de conexión de calidade aos sitios
máis apartados, Adamo dispón dunha ferramenta específica: Ola,
veciño! (Hola vecino!). Trátase dun formulario que se
pode encher na web da empresa e que
permite a Adamo avisar á persoa interesada en canto a fibra chegue
ao seu fogar. Así mesmo, a través de adamo.es
podemos solicitar que un teleoperador da compañía se poña en
contacto con nós para achegarnos información sobre o servizo.
Ademais, podemos marcar o 1600 para recibir información e/ou
contratar produtos.
Adamo
chegará a 100.000 fogares da provincia
A
operadora lembrou nun comunicado que Abadín forma parte de todo un
plan de expansión da compañía, que acumula máis de 70.000
vivendas cableadas en 35 concellos lucenses desde mediados de 2018.
Para sufragar tal actuacións, Adamo investiu 20 millóns de euros e
contratou a 300 traballadores locais en enxeñería, despregadura,
mantemento e comercialización.
Neste
intre o proceso segue adiante o seu curso, xa que o operador resultou
adxudicatario da última convocatoria de axudas estatais e
comunitarias para a instalación desta infraestrutura no territorio.
En virtude do orzamento público-privado resultante do Programa
Único, de 17,5 millóns, Adamo levará Internet de alta velocidade a
33.000 fogares rurais de Lugo entre 2023 e 2024 para sumar máis de
100.000 inmóbeis conectados á súa rede de alta velocidade no
conxunto da provincia de Lugo.