Adeus ás recargas por itinerancia móbil na Unión Europea a partires de hoxe

xoves, 15 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Tras anos de reivindicacións, negociacións e trámites chegou o día do remate do sobre custo polo uso da itinerancia en teléfonos móbiles dentro da Unión Europea, ou sexa, que a partires de hoxe as chamadas telefónicas, as mensaxes de texto e o uso da Rede que fagamos dende o noso móbil dentro da U.E. terá a mesma consideracións que se o fixésemos dende o noso país de orixe, como corresponde ao mercado único de telecomunicacións, de xeito que agora falariamos de «itinerancia como en casa».
Deste xeito, se un español viaxa a Portugal co seu smartphone non terá que preocuparse polas tarifas do seu móbil, xa que conservará as condicións que tiña en España, tanto en servizos de voz como de datos, evitando así as desagradables sorpresas ao chegar a vindeira factura de telefonía móbil, aínda que cómpre salientar que estamos ante unha vantaxe dirixida á itinerancia, ou sexa, a viaxes, non a cambios de residencia habitual, de xeito que de mudarse a outro país da Unión o correcto é contratar unha liña móbil na nova residencia, xa que estableceranse mecanismos para evitar abusos da itinerancia (xa que este servizo, que non ten custo para o consumidor, si supón cargas para os operadores, que teñen que compensarse economicamente entre eles).
A norma xeral establece que sempre que se estea máis tempo no país de orixe e se realice un maior uso do móbil no mesmo, a itinerancia móbil empregaríase de xeito razoable, e se o operador de telefonía móbil detectase un posible abuso, contactará co usuario para solicitar que se clarexe a situación. O consumidor terá 14 días para explicar a súa situación, e no caso de que se considerase irregular, pasaríase a cargarlle 3,2 céntimos/minuto nas chamadas, 1 céntimo por mensaxe de texto e até 7,7 euros por GB de datos (cantidades que irá reducíndose paulatinamente até quedar en 2,5 GB por GB a partires do 1 de xaneiro de 2022).
Os operadores que conten con tarifas de datos ilimitadas ou moi baratas poderán establecer uns límites de seguridade en itinerancia, sobre os que terán que informar previamente e avisar no caso de acadarse, ou sexa, que as recargas por uso de datos en itinerancia terán que ser informados.
No caso de que algún usuario reciba cargos que considere inxustificados polo uso da súa liña en itinerancia dentro da Unión Europea poderá recorrer a un mecanismo de reclamacións e, no caso de que o operador non dea a razón poderá recorrerse ante o regulador de telecomunicacións.
Dado que xa existen tarifas en itinerancia, os operadores terán que contactar agora cos seus clientes para consultarlles se queren manter as tarifas contratadas ou prefiren pasar a gozar da itinerancia como en casa.
A itinerancia como en casa non afecta ás chamadas internacionais realizadas dende o país de orixe, pero cando esteamos en itinerancia as chamadas a móbiles e fixos que realicemos dende o móbil a calquera número de teléfono da Unión Europea serán consideradas como chamadas nacionais, ou sexa, que se dende Galicia chamamos a Alemaña pagaramos unha chamada internacional, pero se facemos a chamada coa liña española dende Portugal a chamada custaría o mesmo que unha chamada a un número dentro do territorio español.
Aínda que estamos a falar dun servizo orientado a usuarios viaxeiros, tamén afecta a traballadores, de xeito que se unha persoa reside nun país pero traballa noutro, poderá contratar indistintamente liñas móbiles en ambos países sempre que se conecte como mínimo unha vez ao día á rede do seu operador (o que contará como día de presenza). Iso tamén resulta de grande interese para os habitantes de poboacións fronteirizas, que até o momento padecían de problemas cando o seu teléfono conectábase accidentalmente á rede móbil do país veciño, e que agora poderán dicir adeus a estas recargas accidentais.
Cómpre salientar que os países que están incluídos dentro da itinerancia como en casa son Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chequia, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Suecia, mentres que a Islandia, Liechtenstein e Noruega introducirase máis adiante, e territorios como Andorra, Albania, Turquía ou Suíza quedarían fóra.

PUBLICIDADE