Adobe Premiere Rush CC chega a Android

martes, 21 de maio do 2019 Marcus Fernández

O pasado outono Adobe presento unha nova aplicación dentro da suite Creative Cloud, Adobe Premiere Rush CC, que principalmente buscaba simplificar a creación de vídeo para YouTube, Facebook, Instagram e plataformas semellantes, para o que optaron por unha curiosa vía: a aplicación está dispoñible tanto para ordenadores persoais como para dispositivos móbiles, podendo sincronizarse o traballo entre ambas plataforma a través da nube.
Esta solución que facilita unha edición de vídeo de calidade e con moitas posibilidades no escenario móbil só chegou inicialmente para os terminais de Apple, pero a versión para Android finalmente está aquí, tanto a través da tenda de Google Play como en Galaxy Apps (onde figura unha versión da app optimizada para dispositivos de Samsung).
Esta nova aplicación móbil achega moitas das capacidades de edición de vídeo de Premiere Pro, pero adaptándose aos dispositivos móbiles, de xeito que tanto pode mesturarse audio e vídeo como tamén poden integrarse gráficos animados e exportar en formato horizontal, vertical e cadrado, atendendo ás demandas de publicación en plataformas sociais.
Adobe Premiere Rush CC facilita a edición de vídeo con simples accións de arrastrar e soltar, permite realizar axustes no audio e no vídeo, conta con transicións, permite gravar narracións de voz e moitas outras cousas das que podemos gozar directamente dende o móbil, aínda que tamén resulte moi especial que a sincronización na nube de Adobe permita completar a edición nun ordenador persoal ou incluso importar o proxecto de edición en Premiere Pro CC para unha edición máis profesional.
No que respecta á edición especial da aplicación para dispositivos de Samsung, a compañía surcoreana asegura que tal aplicación nun Galaxy S10 é un 70% máis rápida exportando vídeo que en dispositivos anteriores, soporta HDR10+ e Samsung DeX, e inclúe descontos na subscrición de Premiere Rush: de xeito promocional poden contratar exportacións ilimitadas coa aplicación e 100 GB de almacenamento na nube por 7,03 euros/mes (cando normalmente un plan mensual de Premiere Rush custa 12,09 euros/mes).
Os dispositivos de Samsung nos que funciona esta edición especial de Premiere Rush son os Galaxy Note8, Note9, S9, S9+, S10 e S10+, mentres que a versión xeral da aplicación tamén funciona nos Google Pixel 2, 2XL, 3 e 3XL e nos OnePlus 6T e 7 Pro, ou sexa, que limítase a varios dos smartphones máis potentes do mercado.

JPEG - 129.2 KB
Premiere Rush CC achega moitas posibilidades para a edición de vídeo dende o móbil

Vídeo promocional do Adobe Premiere Rush CC para Android

PUBLICIDADE