Adobe demostra que as súas tecnoloxías poden funcionar nun tablet
mércores, 5 de maio do 2010
De cara ao Web 2.0 Expo que estes días ten
lugar en San Francisco Adobe montou un expositor no que poden verse distintos
teléfonos móbiles con soporte de tecnoloxía Flash e tamén un prototipo dun tablet baseado en Android capaz de
operar de xeito satisfactorio tanto con Flash coma con Air, en boa medida
porque o dispositivo incorpora
un procesador gráfico nVIDIA Tegra 2, e que serviría para responder
ás crítica de Apple, compañía que non cesa de pór atrancos á tecnoloxía de
Adobe no iPhone e o iPad (o que podería atender máis a un criterio estratéxico
que técnico).
Aínda que polo momento sabemos pouco do prototipo de tablet amosado por Adobe, velo correndo
unha aplicación baseada en Adobe Air da revista Wired e a reprodución de vídeos
de YouTube dá a entender que a tecnoloxía de Adobe pode funcionar en
dispositivos portátiles cun rendemento axeitado.
Demostración da aplicación de Wired nun tablet