Allariz achega á veciñanza á creación dixital con Blender
martes, 13 de setembro do 2016
A Casa da Mocidade de Allariz vai acoller novamente
(logo das
achegas de verán do ano pasado) un curso de introdución á
edición de vídeo con Blender. O programa informático Blender
é, como lembraremos, unha ferramenta para todo tipo de plataformas
especialmente indicada para o modelado, a iluminación, a animación
e a creación de gráficos en 3D, videoxogos ou pezas audiovisuais.
A través desta actividade formativa, o Concello
quere achegar coñecementos para editar con Blender (de “maneira
doada e amena”) todo tipo de traballos dixitais, como por exemplo
clips de vídeo a partir de gravacións feitas con cámaras ou con
dispositivos móbiles. Trátase, informan os organizadores, dun
recurso moi acaído para xerar (e subir á Rede) películas feitas
con fotografías encadeadas, música, voces e efectos de son.
Os participantes no curso tamén aprenderán a botar
man de textos e overlays para facer cabeceiras e títulos de
crédito para presentaren proxectos, amais de engadir transicións e
efectos, “converténdose en directoras/es de cinema e botando man
de metodoloxías para dar sentido ás súas películas aplicando
sinxelos conceptos de linguaxe audiovisual”. Para máis
información, cómpre chamar ao teléfono 615 39 58 71 ou contactar
cos organizadores a través do correo animacion3d@allariz.com