Altia potencia o talento da mocidade coa II edición do FP Dual en desenvolvemento de ferramentas web
luns, 24 de xullo do 2023
A
empresa
tecnolóxica Altia, con sede principal en Arteixo, puxo marcha a
segunda edición do seu Ciclo Superior Dual en Desenvolvemento de
Aplicacións Web, en colaboración co Instituto de Educación
Secundaria IES Fernando Wirtz. Tras o éxito obtido na primeira
edición, este ano recibíronse 120 candidaturas de mozas e mozos con
interese en formar parte deste programa formativo para 15 estudantes,
pioneiro na nosa terra.
Altia
explica que “a procura e a fidelización de talento é un dos
grandes retos aos que se enfrontan as empresas do sector das
Tecnoloxías da Información, e potenciar a formación profesional
dual converteuse nunha das claves para solucionar este desafío;
neste contexto anticipámonos á crecente demanda de formación dual
no ámbito educativo coa segunda edición do programa en colaboración
co IES Fernando Wirtz”. A iniciativa busca fomentar a inserción de
mozas no mundo laboral, facilitar a súa transición ao mercado
profesional e crear un equipo cohesionado de profesionais motivados e
con ganas de aprender.
Os
días pasados deuse a coñecer a listaxe provisional das 15 persoas
que terán a oportunidade de formarse neste programa, que combina a
educación académica coa experiencia práctica no mundo laboral. Os
estudantes seleccionados participarán en proxectos internacionais e
empresas de referencia, aprenderán con profesionais de máis de dez
nacionalidades e formaranse cun “método adaptado, acelerado e
personalizado”, engaden fontes da empresa galega.
“Hoxe
en día é cada vez máis importante potenciar unha formación
coordinada entre empresas e centros educativos”, afirma Ángela
Souto, xestora de adquisición de talento, engadindo que “con esta
nova edición do Ciclo Superior Dual seguimos demostrando o noso
firme compromiso co talento e o desenvolvemento educativo en Galicia.
En Altia apostamos pola formación dual como un modelo educativo
eficiente e necesario para a preparación dos mozos ante os desafíos
actuais e futuros dun mercado laboral ao que, sen dúbida, terán que
enfrontarse proximamente. E nós queremos contribuír á súa
preparación”.
A
segunda edición do Ciclo Superior Dual en Desenvolvemento de
Aplicacións Web abrirá novas oportunidades para novos estudantes
interesados nos eidos da tecnoloxía e o desenvolvemento de
aplicacións web.
Ademais
da colaboración co IES Fernando Wirtz, este ano a empresa
participará tamén no FP Dual do IES Santo Clemente, en Santiago de
Compostela.