Alumni USC presenta o seu portal de emprego ante o empresariado do Tambre
mércores, 5 de maio do 2021
A
Asociación Área Empresarial do Tambre e maila Asociación de
Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC)
celebraron este 4 de maio un encontro presencial e virtual no Centro
Empresarial do Tambre no que se presentaron ante ante as empresas da
contorna as bases do portal de emprego de Alumni USC, destinado a
firmas da nosa terra que estean na procura de talento para os seus
equipos.
Participaron
no acto o presidente da asociación empresarial, José Fernández
Alborés, o secretario, Ramón Lois, e o xerente, José Manuel
Beceiro; así como a xestora técnica de Alumni USC, Inés Toca, e a
vogal da entidade, Loreto Fernández, ademais de empresarias e
empresarios da área do Tambre.
Alumni
USC presentou ás empresarias e empresarios as bases do seu portal
laboral, aínda en desenvolvemento (ultimando detalles coa axuda das
empresarias e empresarios do Tambre, precisamente, que colaboran coas
súas achegas ao lanzamento definitivo dunha plataforma cen por cen
operativa), que ten por obxecto “acadar unha maior interconexión
entre aquelas persoas que finalizan a súa etapa formativa na
universidade e as empresas galegas ou con implantación en Galicia
que queiran captar persoal con altas capacidades e talento”.
O
portal de emprego chámae Laboricia: Captación e retención de
talento en Galicia e é unha plataforma sinxela cun “marcado
carácter de proximidade”, sendo a súa finalidade principal dar
acceso a demandantes de emprego e a empresas e pemes galegas que
queiran publicar a súa oferta, ben para contrato laboral ou en
prácticas.
Na
liña de colaboración aberta coa propia Universidade de Santiago
(USC), Ramón Lois sinalou que esta reunión axudará a profundar e
desenvolver accións comúns entre Alumni USC e a Asociación Área
Empresarial do Tambre que aproximen máis a vida universitaria e dos
egresados da USC ao empresariado da área compostelá.
Sobre
o portal de emprego, Ramón Lois destacou que será un espazo para
que o exalumnado da USC teña a opción de atopar unha oportunidade
laboral. “O mundo empresarial terá a oportunidade de coñecer máis
a realidade universitaria da cidade grazas a esta ferramenta. Animará
a emprendedores e crearanse oportunidades de empregabilidade”,
dixo.
Benita
Silva mostrou a súa preocupación pola “alta taxa de desemprego
que hai entre a xente moza e, en particular, entre as persoas con
formación universitaria”. Sinalou que con este portal, Alumni USC
quere facilitar á busca de traballo en Galicia, “contribuíndo con
isto á preservación de talento na nosa terra”.